Tuesday 14 de May de 2024

Lousame celebra a oitava Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á violencia de xénero


O Concello porá en marcha a segunda edición do “Lousame Coeduca”, un programa de actividades de sensibilización dirixidas a nenos/as de 3 a 16 anos

A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo Filgueira, presidiu esta mañá a oitava reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame, na que deu conta das actuacións previstas polo Concello de Lousame dirixidas á sensibilización e prevención da violencia contra as mulleres. Unha reunión que se celebrou con todas as medidas de seguridade determinadas polas autoridades sanitarias para a prevención fronte a COVID-19.

Na sesión participaron, ademais da propia concelleira, María Isabel Álvarez García, xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller en A Coruña; Pilar Cobas Cajuso, directora do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro; Avelino Rivadulla Iglesias, garda civil encargado das vítimas de VIOGEN; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; e Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade.

Lousame Coeduca

No encontro, todas as persoas integrantes da Mesa informaron e compartiron experiencias sobre as distintas actuacións levadas a cabo pola súa entidade no ámbito municipal de Lousame. Así mesmo, Silvia Agrafojo aproveitou para anunciar que o Concello de Lousame vai levar a cabo, en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, a segunda edición do programa “Lousame Coeduca”, subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade.

Este programa de actividades de sensibilización está dirixido a poboación infantil e xuvenil, dende 3 ata 16 anos, para favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades, que fomenten a desaparición dos roles e estereotipos de xénero, o bo trato, e a mellora da convivencia familiar e escolar. A iniciativa desenvolverase en colaboración coa comunidade educativa; colexio, ANPA e familias. A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, explicou que nesta reunión púxose o foco sobre “a importancia da educación como ferramenta para erradicar a violencia de xénero das nosas sociedades. Unir as nosas forzas é imprescindible para poder dar unha resposta coordinada, aportar solucións e fomentar a igualdade en todos os eidos”.

Co alumnado dende Educación Infantil ata quinto de primaria realizaranse obradoiros coeducativos sobre estereotipos de xénero, corresponsabilidade familiar, visualización das mulleres da súa contorna e coeducación emocional. Co alumnado de 6º de Primaria e Secundaria levaranse a cabo obradoiros onde se traballará a erradicación dos estereotipos e da violencia de xénero mediante o cine, o teatro, o baile e a radio. Tamén se tratará sobre a resolución pacífica dos conflitos.

Lousame Concilia Verán

Durante esta xornada, tamén se abordou a nova edición do programa ‘Lousame Concilia Verán’, que promove a conciliación da vida familiar e laboral durante os meses de xullo e agosto. Trátase dunha iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade que se desenvolve entre semana en horario de 09:30 a 14:30 horas. Proximamente anunciaranse as datas exactas para a reserva de praza. O número de prazas concretarase cando se coñezan as restricións de aforo vixentes durante o período no que se desenvolverá o programa.

Plan Municipal de Igualdade

Nesta sesión, Silvia Agrafojo deu conta das últimas actuacións levadas a cabo dende o seu departamento, do mesmo xeito que cada unha das persoas participantes na mesa realizou unha exposición do traballo desenvolto en materia de prevención de prevención da violencia de xénero dende a súa entidade na área de Lousame. Así, no último exercicio o Concello colaborou na difusión das distintas campañas contra a violencia de xénero desenvoltas pola Deputación da Coruña e polo Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, entre outras. Neste ano a maior parte de actividades e campañas tiveron lugar a través das novas tecnoloxías da información e da contorna dixital, posto que as restricións derivadas da pandemia da Covid-19 limitaron a posibilidade de realizar actos presenciais.

Asemade, a concelleira de Igualdade destacou dúas actividades realizadas nos últimos meses en contra da violencia de xénero, a ‘Árbore do bo trato’ e o ‘Entroido en Igualdade’. ‘A árbore do bo trato’ é unha campaña que consistiu nunha imaxe simbólica dunhas sobreiras da localidade de Seoane, das que brotaron froitos en forma de propostas para a promoción do bo trato. Así, vídeos, a veciñanza enviou fotografías con texto e imaxes cunha reflexión sobre que se pode facer para promover o bo trato e loitar contra a violencia machista. Pola súa banda, o ‘Entroido en Igualdade’ foi unha iniciativa dos departamentos de Cultura, Igualdade e Deportes na que participou un amplo número de persoas para festexar o Entroido e conmemorar o Día Internacional da Muller. Se constituíu como un xogo no que os participantes tiñan que disfrazarse e buscar sete paneis con palabras chave sobre igualdade e facerse unha fotografía nese espazo para enviar ao departamento de Igualdade e participar nun sorteo de vales para mercar produtos deportivos.

Ao longo desta reunión deuse conta da intensa labor realizada durante estes meses de pandemia para non deixar de abandeirar actividades para a prevención da violencia de xénero no concello de Lousame. Finalmente, a mesa acordou fixar o 12 de novembro como data para a vindeira xuntanza ordinaria.